Ferrol amosa o seu apoio á celebración do Día Internacional das Persoas Xordas en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol amosou o seu apoio á Asociación de Persoas Xordas de Ferrol que celebrará o próximo 26 de setembro na cidade o Congreso Galego con motivo do Día Internacional das Persoas Xordas, unha xornada de carácter reivindicativo na que se tenta visibilizar a súa situación e expresar as súas demandas en cuestión de dereitos.

A concelleira de Benestar Social, Muller e Festas, Beatriz Sestayo, mantivo unha reunión coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrol para transmitirlle o apoio do Concello á celebración deste Día Internacional, no que está previsto que teña lugar unha lectura do manifesto na praza de Armas por parte de voceiros, representantes de entidades participantes e autoridades invitadas.

A continuación, desenvolveranse actividades de sensibilización, lúdicas e contacontos en lingua de signos. Os participantes tamén realizarán unha visita ao casco histórico da cidade, ao Museo Naval de Ferrol e Exponav e unha ruta en barco pola ría de Ferrol. 

Beatriz Sestayo trasladou o apoio do Concello ao colectivo de Persoas Xordas e o compromiso coa lingua de signos, oficial, lembrou, dende o goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero.

15 de xullo de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.