Ferrol adhírese ao Pacto Social pola Agua para avanzar na remunicipalización de servizos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A corporación de Ferrol aprobou hoxe en pleno ordinario a adhesión do Concello de Ferrol ao Pacto Social pola Auga, como primeiro paso para camiñar en firme cara a remunicipalización dos servizos públicos. Foi a través dunha moción do Goberno local que sumou os apoios do BNG e Ciudadanos, e o voto negativo do PP.

En paralelo, o Concello integrarase como socio en Aeopas (Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento), que presta soporte técnico nos procesos para reverter as privatizacións. O seguinte paso é crear unha comisión para o desenrolo dese Pacto Social pola Auga da que formen parte todos os grupos representados na corporación.

Doutra banda, o Goberno ferrolá sumouse a moción presentada polo BNG sobre a problemática da auga -votada por puntos-, na que se pedía, entre outras cousas, iniciar o proceso de remunicipalización da auga e unha auditoría a Emafesa na parte técnica (infraestruturas e mantemento) e da económica. Obxectivos que o Executivo local comparte e xa tiña demandado da empresa mixta, onde o socio privado é Urbaser (49%). 

EMAFESA DETRAERÁ DO RECIBO OS DÍAS QUE OS VECIÑOS TIVERON RESTRINXIDO O CONSUMO 

Emafesa confirmou que detraerá do recibo de xullo os días nos que os veciños tiveron restrinxido o consumo de auga para usos alimentarios por un problema no control da calidade que xa foi tratado e solucionado. Se aplicará o desconto autonómico no recibo aos usuarios en función do período e zona de facturación sen necesidade de reclamación previa. 

NOMEAMENTOS DOS REPRESENTANTES DA CORPORACIÓN E PERSOAL EVENTUAL

Tamén ficou aprobada hoxe a proposta de modificación de nomeamentos de representantes da Corporación en órganos colexiados, con 12 votos favorables e 13 abstencións.  Así como as dúas propostas relativas ao persoal eventual, que supón unha redución substancial en número e retribucións con respecto ao mandato anterior cun aforro para as arcas locais de mais de 20.000 euros anuais. 

SUPRESIÓN DOS LIMITES DE AFORO E DO CONTROL DE ACCESO

No pleno deste xoves tamén quedou derogado o control de acceso e a limitación de aforo nas sesións plenarias que se tiña implantado no mandato anterior. O acceso aos plenos do Concello de Ferrol volve a ser libre para todos os veciños que teñan a ben asistir en directo ao debate democrático do seu municipio, que tamén se pode seguir a través da páxina web www.ferrol.es.  Tampouco haberá limitacións aos grupos na presentación de mocións por pleno (actualmente eran dous) nin nos tempos da intervención. A medida sumou o voto favorable de FeC, PSOE, BNG -que empurrou a moción-  e Ciudadanos, e unicamente o PP se manifestou en contra.

En último lugar, aprobouse unha segunda moción do Goberno local relativa ao compromiso de aplicación do Plan Xeral de Normalización da Língua Galega nos concellos e deputacións cos votos de FeC, PSOE e BNG, así como a adhesión a proposta da Mesa pola Normalización Lingüística, que xa figuraba no orde do día, proba do compromiso do Executivo co idioma, que sumou, tamén, o respaldo do PP. 

30 de xullo de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.