Ferrol acollerá as actuacións de Los chicos del Maíz, Puntada sen fío, Pisando ovos, Guadi Galego e ZAS Trío
O Concello de Ferrol volverá levar a cultura á rúa, nunha clara vontade de recuperar o potencial de espazos sen uso e infrautilizados, ampliando a presenza cultural a toda a cidade e non só no casco histórico, e fomentando a cultura contemporánea e a feita por artistas locais.
Con estes puntos de partida, a concellería de Cultura elaborou un programa de espectáculos e de actividades culturais que foi anunciado polo edil, Suso Basterrechea (Fec), en rolda de prensa, tras explicalo previamente na Comisión de Cultura, Deportes e Turismo celebrada esta mañá.
Como primeiro espectáculo, o domingo 16 de agosto terá lugar na praza do Inferniño o concerto do grupo de hip-hop “Los chicos del Maíz”, unha formación “con implicación social e política, un dos exponentes máis destacados do hip-hop estatal”.
A continuación, o 19 de agosto, no barrio de Caranza celebrarase un espectáculo folk. No parque situado ao lado da rúa Pedro Carvajal actuarán a formación “Puntada sen fío” e a artista Guadi Galego. “Puntada sen fío” está formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo), un trío musical que aposta por un formato reducido e por unha sonoridade diferente e orixinal para achegarse á musica tradicional e de autor do noso país. En maio de 2015 saiu a rúa o seu primeiro traballo discográfico, que leva por título “A lúa prendeu a luz”. Pola súa parte, Guadi Galego, cantante, compositora e gaiteira, foi ata o ano 2008 a vocalista do xa desaparecido grupo Berrogüetto.
O venres 4 de setembro, no Cantón de Molíns, no entorno da paxareira, haberá un espectáculo de danza contemporánea a cargo de Cristina Montero e Rut Balbis, da compañía “Pisando Ovos”. Presentarán os espectáculos “Só unha escusa” e “Momento Blooming”, nos que a paxareira do Cantón será un elemento máis, nunha mostra da “programación cultural de vangarda que se desenvolverá nun espazo que está en boca de todo o mundo”.
O Jazz contemporáneo será o eixo central do espectáculo que está programado para o venres 11 de setembro, co concerto de ZAS Trío “Round about Armstrong”, formado por Marcelo Peralta (saxo), o ferrolán Baldo Martínez (contrabaixo) e Carlos “Sir Charles” (batería). “É un dos grupos máis reputados do jazz estatal, con Baldo Martínez, dos máis reputados a nivel internacional, sendo ademáis un ferrolán de pro”, sinalou o edil de Cultura.
Este concerto desenvolverase no parque traseiro do Centro Cultural do Torrente Ballester, un espazo “infrautilizado” que permanecu pechado ao estar ocupado por unha empresa que acometía unhas obras pero que “para esta concellería vai ser vital potencialo, porque está recollido e é perfecto para este tipo de actividades”.
“Seguiremos facendo anuncios para empezar a concretar en actividades e eventos compromisos adquiridos de levar arte á rúa, traballar dende a cultura para potenciar determinados espazos públicos, e apoiar a cultura contemporánea e a cultura contemporánea feita ademáis por artistas desta cidade”, concluíu.











