Ferreiro aposta por unha Galicia por e para as xente do común

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Ante a celebración do Día Nacional de Galicia, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, apostou neste 2015 por “un tempo novo, no que se constrúa desde abaixo un país por e para as xentes do común, coa cidadanía e a democracia como prioridades”. “Desde A Coruña cremos nunha Galicia social, baseada no ben colectivo e na que as súas xentes adquiran un protagonismo na vida pública que até o de agora poucas veces tiveron”, afirmou o rexedor, que tamén considera necesario que “o país sexa de todas e de todos, participado, mesmo rebelde cando a situación o requira”.

“O 25 de Xullo pode ser unha xornada plural, alegre, que confíe na diversidade e na demostrada capacidade creativa e emancipadora da propia cidadanía galega, desa Galicia real e activa que neste 2015 está a tomar a palabra sen complexo ningún, como tantas outras veces fixo ao longo da historia. O Día Nacional de Galicia supón unha oportunidade para festexar a efervescencia, para honrar a memoria proxectando o futuro. E o porvir deste país pasa polo código aberto, pola identidade e a vangarda, pola axitación de base dun pobo que existe alén das cerimonias reguladas e se move libre na procura dun espazo propio que non entende de cancelas e si de dereitos”, afirma o alcalde da Coruña.

“Ante o Día Nacional de Galicia, A Coruña tamén reivindica orgullosa a súa importancia no conxunto do país, do que forma parte e co que ten unha íntima relación, lonxe do illacionismo que noutras épocas se lle intentou inducir. Felizmente, agora abriuse outro tempo, no que a cooperación será o eixe principal, afastados das tristes tentacións de privatizar territorios”, engadiu. Angrois

Por último, Xulio Ferreiro tamén fixo referencia ao suceso que desde hai dous anos marca de xeito dramático cada 25 de Xullo. “Son estas tamén datas de homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois entre as que están varios veciños e veciñas da Coruñade solidariedade coa súa familia pero tamén de esixencia. As persoas afectadas non precisan paternalismo, senón feitos, como a dignificación de que se aclare o sucedido e se asuman as correspondentes responsabilidades, tamén as políticas en caso de que existan”, asegurou.

24 de xullo de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.