FECIMO comeza a organizar unha nova edición da pasarela “Amodiña” do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO- mantén a súa firme aposta por este escaparate urbano no que os asistentes poderán ver en vivo en directo os estilismos das tendas participantes, a través dun espectáculo visual que mestura actuacións musicais e pases de moda.

Nesta 4ª Edición o Paseo marítimo de Moaña seguirá sendo o máxico lugar de celebración, con saída dende o Palco da Música, e a data o sábado 19 de setembro. Os asistentes poderán disfrutar de balde dun espectacular evento no que a moda será a protagonista.

As empresas asociadas a FECIMO teñen ata o 28 de xullo para inscribirse a esta iniciativa, que lles permitirá impresionar ao público coas novas tendencias da vindeira tempada Outono/Inverno.

Despois de tres anos de celebración “Amodiña” consolídase como o evento de moda de referencia no Morrazo, no cal ponse en valor o sector comercio promovendo as coleccións á venda nas tendas de Bueu, Moaña e Cangas a través dun pase con modelos profesionais e contando con GF Studio, un equipo técnico audiovisual de alto nivel. O evento está organizado para dar encaixe ao maior número de establecementos comerciais do Morrazo, dando cabida a multitude de sectores:

– Moda: home e muller, infantil, xuvenil, festa, noivos…

– Lencería e Baño

– Zapatería

– Complementos

– Óptica

– Floristeria

– Decoración

– Perruquería

– Estética e Maquillaxe, etc…

E porque a Pasarela non sería o mesmo sen eles… FECIMO contará como sempre para a coordinación dos modelos cunha axencia especializada, encargada de crear unha historia visual e auditiva que sexa unha inesquecible experiencia para o espectador.

Contarase tamén cunha coidada produción fotográfica e de vídeo a cargo de profesionais cunha gran experiencia en moda e publicidade.

Ademais dos pases de moda contarase con bailaríns e músicos, que coas súas actuacións completarán o programa desta Pasarela de Moda.

15 de xullo de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.