publicidade hoxe

‘Estamos no verán!!!’ chega a Ames, Xove, Ortigueira, Fisterra e Baiona esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesBaionaFisterraOrtigueiraXove
A-
A+

Os concellos de Ames, Xove, Ortigueira, Fisterra e Baiona reciben esta fin de semana a proposta orixinal de Xoán Curiel no marco do FalaRedes, o programa de dinamización do galego que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

‘Estamos no verán!!!’ é a segunda actividade do FalaRedes que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a 18 localidades da RDL ata finais de mes.

Estamos no verán!!!

Vacacións, bo tempo, novas amizades e unha manchea de historias para cantar, brincar e gozar na nosa lingua. ‘Estamos no verán!!!’ é un espectáculo de música para nenas e nenos de 7 a 12 anos que busca promover o uso e a valoración positiva do noso idioma, facéndoo protagonista do tempo de ocio.

Acompañado pola banda Son+d2, Xoán Curiel canta as aventuras dun grupo de xente miúda que soña con montar o seu propio grupo de música e facer cancións en galego a ritmo de rock, funk, blues, pop, reggae, bossa nova…

‘Estamos no verán!!!’ estrea o mes de xullo este venres no concello de Ames, ás 20:30 horas nos Xardíns do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, no marco da terceira edición do festival de verán ‘Encontros Culturais no Pazo’.

O sábado estará nos concellos de Xove e Ortigueira. Ás 11:30 horas no Salón de Actos do Centro Cívico do concello mariñao, e ás 19:00 horas, no Teatro da Beneficiencia da localidade coruñesa.

O domingo, o espectáculo chegará ao Porto de Fisterra ás 12:30 horas e á Praza do Concello de Baiona ás 20:30 horas. Coma sempre, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas e dos espazos exteriores.

Ata final de mes ‘Estamos no verán!!!’ visitará os concellos de Malpica de Bergantiños, Nogueira de Ramuín, Vilamarín, Barreiros, Ribadumia, Bueu e O Grove. O calendario completo da actividade está dispoñible en www.lingua.gal.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística celebra á súa cuarta edición, logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que se integran nel ano a ano buscan cumprir os obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata final de ano chegará aos concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. Conta na actualidade nas preto de 170 entidades adscritas.

2 de xullo de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.