Establécese a veda para o choco dentro da liña que vai de Punta Monte da Guía a Punta do Con
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establece un período de veda para a captura do choco dentro da liña que vai de Punta Monte da Guía a Punta do Con, na Ría de Vigo (Anexo III establecido no Decreto polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia). O intervalo temporal contemplado para esta prohibición abarca dende o 1 de agosto ata o 31 de outubro deste mesmo ano.
Queda polo tanto prohibida durante esta temporada a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda de choco e as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar. Segundo a Lei de Pesca de Galicia, esta veda é aplicable do mesmo xeito á pesca marítima de recreo, xa que as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros son as mesmas.
A medida responde á solicitude entregada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, promovida polos pósitos de Redondela, Moaña, Arcade, Vilaboa e Cangas. Deste xeito, perséguese o “establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos”, obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia.











