publicidade hoxe

Educación financiará con 39.000 euros o servizo de comedor no CEIP de Coirón-Dena en Meaño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeaño
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará un total de 39.160 euros ao Concello de Meaño (Pontevedra) para financiar o servizo de comedor no CEIP de Coirón-Dena nos vindeiros dous cursos.

O conselleiro Román Rodríguez e maila alcaldesa de Meaño, Mº Lourdes Ucha, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a xestión do mencionado comedor escolar, que dá servizo a 44 usuarios. Queda renovado, por tanto, o compromiso da Xunta cun servizo complementario que xa estivo vixente no curso que agora rematou e que o Goberno galego considera fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.

Ao abeiro deste acordo, a Consellería subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar 2015-2016 e 2016-2017. Pola súa banda, o concello comprométese á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

Cómpre lembrar que en Galicia, o 83,47% dos usuarios dos comedores escolares xestionados pola Consellería utilizan o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día tan só a aboan un 12,3% dos usuarios. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español.

Este convenio enmárcase dentro da colaboración da Xunta cos concellos para a prestación do servizo de comedor en 40 centros educativos de toda Galicia, grazas ao cal se lles facilitará a 2.844 usuarios acceder a este servizo complementario durante os próximos dous cursos, un 16,46% máis que os beneficiados nos cursos 13/14 e 14/15, por estes convenios.

No último curso 14/15 Cultura e Educación destinou preto de 30 millóns de euros aos comedores de xestión propia, así como ao cofinanciamento dos comedores xestionados polos concellos e polas ANPAS. Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais o número de prazas de comedores incrementouse en 13.731 desde o curso 08/09, ata chegar no 14/15 ás 71.731 (comedores xestionados pola Xunta+ANPAS+concellos).

22 de xullo de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.