Dez padexeiros galegos participarán no Campionato de Europa de maratón en Eslovenia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Dez padexeiros galegos participarán no Campionato de Europa de maratón que se disputará o próximo fin de semana en Bohinj (Eslovenia). Na categoría sénior, Iván Alonso, Tono Campos, José Manuel Sánchez, Óscar Graña e Ramón Ferro posúen serias opcións de lograr estar no podio nas súas respectivas categorías. Galicia tamén terá presenza en sub-23 e júnior. Ademais dos galegos, tamén competirá Nuria Villacé, compoñente da Ría de Betanzos.

Iván Alonso, do Kaiak Tudense, volverá afrontar dúas probas. Estará nas modalidades de K-1 e K-2 xunto ao seu habitual compañeiro Emilio Merchán. O tudense é o vixente campión europeo en K-1 e subcampión en K-2. Óscar Graña e Ramón Ferro, tamén do Kaiak Tudense, afrontan o desafío de conquistar a súa terceira medalla de ouro consecutiva nun Campionato de Europa. Pero en fronte terán a Tono Campos, do Breogán do Grove, e José Manuel Sánchez, da Ría de Betanzos. Todos eles son os grandes favoritos, tal como demostraron nos últimos anos nas probas nacionais e internacionais.

En C-1 competirá Manuel Garrido. O padexeiro do Kaiak Tudense preparou de forma intensa unha das súas grandes citas na actual tempada. O seu obxectivo é volver estar entre os tres primeiros. Un dos seus rivais serán David Mosquera, da Ría de Betanzos, outro especialista nesta distancia.

Tamén na categoría sénior, a Ría de Betanzos estará representado pola valisoletana Nuria Villacé, que competirá en K-1 e en K-2 xunto á catalá Aurora Figueras.

Damián González, do Verducido Pontillón, competirá na modalidade de C-1 sub-23, mentres David García, do Firrete, e Rubén Dasilva, do Kaiak Tudense, estarán na regata de C-1 da categoría.

Galicia é a autonomía que máis padexeiras achega ao Campionato de Europa. A competición iniciarase o venres para a categoría júnior. A distancia a percorrer pola categoría sénior será superior ao trinta quilómetros. A recta de chegada é de 950 metros e en cada porteo ten unha lonxitude de 120 metros.

1 de xullo de 2015 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.