Deteñen un home cando fuxía tras roubar gasoil dun autobús de Vigo
Axentes do Corpo Nacional de Policía detivo a un veciño de Vigo de 29 anos que tentaba darse á fuga despois de cometer supostamente un roubo con forza de gasoil do depósito de combustible dun autobús aparcado e ao que tamén lle constaba en vigor unha orde xudicial de detención e ingreso en prisión.
Tal e como informou a Policía Nacional, os feitos ocorreron a pasada madrugada cando un cidadán informou de que un vehículo que circulaba sen luces pola avenida de Balaídos parouse xunto a un coche estacionado e escoitouse a continuación un forte ruído.
Unha dotación desprazouse até a zona, onde revisou os vehículos aparcados, descubrindo un autobús ao que lle forzaron o depósito de gasoil, ademais localizou unha mangueira con restos de combustible xunto a unha roda, polo que avisou ao resto de indicativos para tentar localizar ao autor ou autores dos feitos.
Foi así como unha patrulla situada en Avenida de Madrid observou un vehículo que ía a gran velocidade e cuxas características coincidían co buscado. Desta forma, iniciouse unha persecución tras a que os efectivos conseguiron interceptar o coche e evitar a súa fuxida.
Así, identificaron ao condutor e revisaron o vehículo, co que descubriron ocultas no maleteiro seis garrafas con gasoil e varios útiles para violentar os tapóns de peche de depósitos de combustible.
Por todo isto, os axentes procederon a deter ao home e levárono a comisaría, onde se comprobou que tiña 11 antecedentes policiais -varios deles polos mesmos feitos- e que lle constaba unha orde de detención e ingreso en prisión emitida por un xulgado do penal de Vigo. Ademais, comisionouse un guindastre para que trasladase o vehículo ao depósito municipal.











