Depisa conta con novas instalacións na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Depisa, buque insignia do Grupo Empresarial Solucións Reunidas, inaugurou un novo taller especializado en granallado e pintura en Nostián. A súa localización, lindeira ás instalacións da refinaría de REPSOL, permite a Depisa afianzarse como un dos principais provedores auxiliares de Repsol na Coruña e ofrecer un servizo porta a porta de alta eficiencia á industria metalmecánica local. As instalacións de Nostián ocupan 2.200 m2 e están dotadas con tecnoloxía do sector para adaptarse e dar respostas rápidas e eficaces ás necesidades do mercado.

O novo taller de Depisa está especializado na protección e restauración de todo tipo de elementos metálicos a través do chorro e a pintura, ademais da protección de elementos contra o lume, reparación con fibra de vidro e carbono e limpeza crioxénica. De feito, na nave de Nostián pódese atopar calquera tipo de solución relacionada coa restauración e protección de calquera tipo de soporte.

Tanto o servizo como as instalacións están especialmente deseñados para favorecer o respecto ao medio ambiente, en base á reutilización da granalla e a unha adecuada xestión dos residuos que se poidan xerar.

Depisa é unha empresa familiar que ofrece unha ampla gama de solucións en tratamentos anticorrosivos para os sectores oil&gas, xeración de enerxía eléctrica, minería, construción e reparación naval e industria en xeral. Fundada en 1969, dispón de sedes e instalacións na Coruña, Asturias, Andalucía, Madrid, Barcelona, Tarragona e Castelló. Nos dous últimos anos opera no Norte de África desde Marrocos, en Oriente Medio desde Arabia Saudita, Kuwait e Qatar, e en Latinoamérica desde Panamá e Perú.

Tal como sinala o CEO de Depisa, Óscar Ferreon, “a expansión internacional de Depisa non limita nin paraliza proxectos crave como o taller da Coruña”. De feito, destaca, “Galicia foi historicamente unha comunidade estratéxica dentro da compañía, debido tanto á importancia dos seus clientes como aos proxectos desenvolvidos”.

En Galicia Depisa levou a cabo labores como a limpeza crioxénica en Bioetanol Galicia, do Grupo Abengoa; colaborou na conservación e mellora das autoestradas da comunidade, e participou na parada de maio-xuño da refinaría de Repsol A Coruña. Tamén tomou parte na restauración da torre de control marítimo da Coruña; no pintado de torres de refrixeración para Endesa; na integración de Reganosa dentro da súa contorna mediante o pintado decorativo dos seus tanques, ademais de impermeabilizar hospitais e todo tipo de edificios de plantas industriais.

31 de xullo de 2015 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.