Demostracións de cantería, cestería, vidro e madeira na Feira Medieval de Ferrol Vello

Un dos postos artesanais da feira
A Feira Medieval, que se celebrará en Ferrol Vello dende este venres ata o 2 de agosto, acollerá demostracións en directo de cantería, cestería, vidro, coiro e madeira, así como obradoiros de caligrafía árabe, madeira ou perfumería.
Durante tres días, a Feira Medieval ofrece continuas actividades infantís, no recuncho “Eira dos nenos” instalado na praza Vella, xunto cunha constante animación musical nas rúas coa participación dos grupos Koté Malabar e Acibreira.
A concelleira de Benestar Social, Muller e Festas, Beatriz Sestayo (PSOE), foi a encargada de inaugurar a Feira, nun acto celebrado ás 12:30 horas, e coa presenza de malabaristas, artesáns e músicos do Medievo. O evento, sinalou, permitirá “dinamizar Ferrol” e, en concreto, o barrio de “Ferrol Vello”, tal e como xa pediran os hosteleiros, que levan soportando meses de obras.
Beatriz Sestayo animou a todos os cidadáns a realizar este fin de semana unha “viaxe ao medievo en Ferrol Vello, cunha feira cunha gran variedade de postos, na queh haberá un recuncho infantil ademáis de diferentes oficios artesáns”, no que sen dúbida será “un espectáculo para toda a familia”.
A Feira estará aberta dende as 11:00 ata as 15:00 e de 18:00 a 24:00 horas, no caso dos postos de venta e de artesáns, se ben os espazos de restauración permanecerán abertos durante todo o día. En total, poderanse ver preto de 120 postos, repartidos polas rúas Benito Vicetto, San Francisco, Igrexa, Vella e na zona da Alameda.
Ademáis da presenza constante de artesáns, músicos e malabaristas, este sábado, ás 13:00, ás 18:00 horas e ás 22:00 horas, haberá un espectáculo de Danza do Ventre, en distintos puntos da Feira Medieval. O domingo, os “leprosos e maleantes” percorrerán as rúas de Ferrol Vello, nas que ás 17:30, ás 20:30 e ás 23:30 horas poderase escoitar música medieval e vibracional coas ondas do Ham e a percusión, na praza Vella, a cargo de Serafín Marcos.
A viaxe ao medievo permitirá coñecer actividades como a que desenvolve un artesán que fai espectaculares tallas de pezas de madera cos pes, ou a un experto canteiro que o sábado fará ante o público unha peza dun símbolo celta que será doada ao Concello de Ferrol.
Para os que prefiran a vertente culinaria da época medieval, en Ferrol Vello poderase disfrutar de polvo, carne típica e ata kebabs procedentes de Oriente.
Os nenos terán o seu espazo particular, na denominada “Eira dos nenos”, na praza Vella, na que dende as doce da mañá e a partires das seis da tarde desenvolveranse xogos tradicionais infantís, de malabares e gymkanas.











