Daniel Wass: “Atopeime un club con ganas de medrar ao que espero achegar moito”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+
Presentación de Daniel Wass

Presentación de Daniel Wass

O céspede de Balaídos foi o escenario elixido para a presentación de Daniel Wass como novo xogador celeste. O centrocampista danés mostrouse feliz por chegar ao Celta e con ganas de comezar a traballar. “Atopeime un club de trato familiar, con ganas de medrar e ao que espero achegar moito”, declarou Wass.

Carmen Avendaño foi a encargada de dar a benvida ao futbolista en nome do consello de administración. A conselleira desexou a Wass “o maior dos éxitos no Celta, que serán tamén os do celtismo, Vigo e Galicia”. Pola súa banda Miguel Torrecilla, director deportivo, definiu ao internacional danés como “un xogador moi completo que achega goles e que é polivalente, aínda que onde máis cómodo sente é no centro do campo”.

Daniel Wass asegurou que “xogar en España é un soño feito realidade”, unha liga que considera “das máis competitivas do mundo”. O xogador nórdico apuntou que o ex xogador céltico Michael Krohn-Dehli convidoulle a coñecer o club e a cidade e, tras a súa visita, convenceuse de sumarse ao proxecto céltico: “atráeme moito que este é un club que aos poucos está a mnedrar e indo a máis”, declarou.  Preguntado pola súa posición preferida no campo, Wass expresou o seu desexo de “achegar ao equipo e crecer como xogador independentemente de onde me sitúe o adestrador”. 

“Vigo paréceme unha cidade fantástica. Teño moitas ganas de xogar en Balaídos diante da afección”, declarou Wass. O centrocampista arrincará a pretemporada co resto do equipo este luns 6 de xullo ás 10:00h na Madroa.

3 de xullo de 2015 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.