Dan Petts será adestrador axudante en Inglaterra U18
O corpo técnico do Rio Natura Monbus Obradoiro segue aumentando a súa experiencia internacional. Este ano son tres os membros do grupo que traballan con diferentes seleccións nacionais.
Ao nome de Óscar Viana, preparador físico da Selección Española U20 que logrou a prata no Eurobasket da súa categoría, e ao de Tomas Richartz, fisioterapeuta da Selección Española U16 que comezará a primeira semana de agosto o Eurobasket da súa categoría, úneselle agora o de Dan Petts. O adestrador do equipo junior do equipo santiagués e axudante do corpo técnico será adestrador axudante na Selección Inglesa U18.
O adestrador especifica a súa función no equipo británico. “Teño responsabilidade por conceptos de ataque do equipo, e scouting do noso equipo propio e do equipo rival”. Tamén se marca uns obxectivos propios. “Quero mellorar á hora de ensinar aos xogadores os detalles de xogo e seguir crecendo aos poucos”, recalca.
Para Petts xa é o cuarto verán consecutivo que adestra coa Selección Inglesa U18, e lamenta que este ano tivo dificultades engadidas. “O equipo está a mellorar aos poucos. A preparación foi difícil en comparación con outros anos. Hai varios xogadores que non poden vir mentres que outros tiveron lesións e aínda non están todos ao 100%”. Como obxectivo márcase o curto prazo. “Os obxectivos son sempre gañar o próximo partido, mellorar cada día como equipo e individualmente”.
O equipo inglés comeza este xoves día 23 o Eurobasket U18, aínda que neste caso de División B, e disputarase nas cidades austriacas de Gussing, Oberwart e Fürstenfeld. Inglaterra está encadrada no grupo A e xogará contra Estonia, Albania, Suíza, Polonia e Bulgaria.











