Cultura supervisará o estado das pontes Almofrei e de San Lourenzo para estudar posibles actuacións
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria enviará dous técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ao Concello de Cotobade para supervisar o estado da Ponte Almofrei e da Ponte de San Lourenzo. Así o avanzou hoxe o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, con motivo dunha visita ao municipio pontevedrés, onde explicou que, en base aos resultados que se obteñan de ditas revisións, estudaranse posibles actuacións de mellora en ambas as dúas estruturas.
A Ponte Almofrei data do século XVI e recibe o nome do río que salva, mentres que a Ponte de San Lourenzo, situada entre o concello de Cotobade e o da Lama, permite o cruce do río Barbeira. Antigamente, por esta última ponte de cantería pasaba un camiño de defuntos.
Ademais, o conselleiro tamén lembrou as actuacións de reparación que se levaron a cabo na Ponte Liñares, na Lama, en virtude dun convenio asinado co Concello a principios deste ano. Unhas obras, xa rematadas, destinadas a consolidar o estribo dereito desta ponte histórica.
Ao acto tamén asistiron os alcaldes de Cotobade e A Lama, Jorge Cubela e Jorge Canda respectivamente; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.