Cuíña empraza aos comerciantes e hosteleiros da rúa Colón a unha reunión
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, manterá a próxima semana unha reunión con comerciantes e hostaleiros da rúa Colón para coñecer as súas inquedanzas sobre o peche da rúa ao tráfico fóra das horas habilitadas para carga e descarga.
Cuíña xa visitou esta mesma mañá a zona, acompañado por González Casares, para falar persoalmente cos comerciantes e para indicarlles que el recibe “a todo o mundo”. Ao mesmo tempo aproveitou para desmentir que alguén se puxese en contacto con el para concertar unha posible xuntanza.
O goberno local mantén un claro espírito de colaboración e de atención con toda a cidadanía, aspecto que queda claro, por exemplo, nas sesións de atención veciñal nas que o rexedor adoita escoitar a máis de 20 persoas. Cuíña recalca deste xeito, que “sempre se atenderán as demandas dos lalinenses e nunca se lle negará unha reunión a ninguén”. Non obstante insiste en que onte non se demandou por parte dos comerciantes da rúa Colón entrevista algunha.











