publicidade hoxe

Cores Tourís visita Mondariz para manter un encontro co novo alcalde da localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+
Cores Tourís co alcalde de Mondariz

Cores Tourís co alcalde de Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Mondariz dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou ao novo rexedor de Mondariz, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a mellora en temas de saneamento, en concreto, no entorno do colexio público do municipio e na estrada que enlaza Mondariz con Covelo.

En relación a estas dúas demandas, Cores Tourís destacou que xa eran coñecidas na administración autonómica porque foron xa demandadas no seu momento polo anterior alcalde, Julio Alén. “De feito, no caso do colexio, xa nos acercamos ata as instalacións dente centro e son coñecedores da situación na Xefatura Territorial de Cultura e Educación. Agora terán que ser os técnicos de Augas de Galicia os que realicen un estudo sobre o custo e viabilidade deste proxecto”, explicou o delegado territorial.

De feito, Cores Tourís fixo fincapé na importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

En relación ao concello de Mondariz, o delegado territorial tamén tivo palabras de recordo e agradecemento ao anterior grupo de Goberno, xa que foi o encargado de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos proxectos neste concello como as obras de mellora do trazado da estrada PO-252 entre Mondariz e Moscoso que acaban de rematar e nas que se investiron 165.000 euros, “que era unha demanda veciñal moi importante”. Tamén se executou unha pasarela peonil de madeira no río Xabriña, instaláronse colectores de aguas pluviais en varias estradas e contedores soterrados na praza de España.

Ademais, o delegado territorial tamén recordou ao novo alcalde a colaboración da administración autonómica en mellora do CPI da localidade, no que se investiron case 227.000 euros nos últimos anos, así como no acondicionamento do Centro de Interpretación da Natureza, e na dinamización do comercio local coa adecuación da zona de ocio da contorna do mercado ambulante, do aparcadoiro da Pedra e da rúa Miguel Ángel Blanco.

“Importante foi a mellora da praza de abastos de Mondariz, unha obra na que a Xunta leva investidos máis de 100.000 euros e que continuará a ser mellorada nos próximos meses de cara a dinamizar o comercio local deste concello”, rematou o delegado territorial.

8 de xullo de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.