Cores Tourís visita Lalín para manter un primeiro encontro co novo alcalde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Cores Tourís na reunión con Rafael Cuíña

Cores Tourís na reunión con Rafael Cuíña

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Lalín dentro da rolda de visitas institucionais que está a realizar aos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou Cores Tourís ao novo rexedor de Lalín, Rafael Cuíña é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a execución da rolda este do concello, nun proxecto no que estean presentes catro administracións (Xunta, Fomento, Deputación e concello) ou a reactivación do CAR. Tamén analizaron a situación da tramitación das parcelarias pendentes no municipio e a situación do proxecto de Casas Vellas. “Aínda así”, explicou o novo alcalde, “todos estes temas os analizaremos máis polo miúdo nunha próxima reunión que acabo de solicitarlle ao delegado. Sei que hoxe é unha visita de cortesía polo que pronto volveremos a reunirnos para xa profundizar nestes e noutros temas”.

Pola súa banda, en relación ao concello de Lalín, o delegado territorial tamén tivo palabras de recordo e agradecemento ao anterior grupo de Goberno, “e ao seu alcalde Xosé Crespo”, xa que foi o encargado de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos proxectos neste concello relativos a infraestruturas como a construción dun novo colexio, o Xesús Golmar, a construción de vivendas de promoción pública, a construción do laboratorio agrolimentario de Mouriscade, a urbanización da praza do novo concello, ou a posta en marcha de proxecto de aforro enerxético en diversos puntos do concello.

Finalmente, Cores Tourís fixo fincapé na importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

15 de xullo de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.