Cores Tourís visita ao novo alcalde de Vilagarcía de Arousa

Cores Tourís no encontro co alcalde de Vilagarcía
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vilagarcía de Arousa dentro da rolda de visitas institucionais que está a realizar aos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.
O obxectivo destas visitas, que rematan hoxe neste concello, é “falar sobre a situación dos concellos e as súas necesidades e proxectos para os próximos meses”, tal e como explicou Cores Tourís ao novo rexedor, Alberto Varela.
Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a situación da Illa de Cortegada tralo incendio vivido este pasado fin de semana. Deste xeito, o alcalde solicitou a posta en marcha dun protocolo concreto de actuación para este enclave. Ademais, tamén se analizou a evolución das obras do Hospital do Salnés e o traspaso de estradas autonómicas como Rosalía de Castro ao concello.
Varela ademais solicitou a intermediación do delegado territorial para a consecución dunha entrevista coa conselleira de Medio Ambiente para analizar a situación do saneamento da localidade, así como co conselleiro de Educación e o subdelegado do Goberno, ao que o concello quere demandar máis presenza de membros de seguridade do Estado.
En relación ao concello de Vilagarcía de Arousa, o delegado territorial recordou que a administración autonómica puxo en marcha, durante estes pasados anos, numerosos proxectos neste concello, como a execución de melloras no Hospital do Salnés, onde ao comezo da lexislatura se rematou a terceira planta do edificio e, na actualidade, se está a executar unha importante obra de ampliación. Tamén destacou Cores Tourís obras de saneamento e mellora medio ambientel, como a automatización da presa do Con, o Plan de Saneamento Local, o colector da marxe esquerda do río Con, da avenida da Mariña e de Castor Sánchez, así como a canalización do regato da Tripeira, ademais da posta en marcha de obras de saneamento en numerosas parroquias como Faxilde, Piñeiro, Santa Lucía, Bamio, Zamar, Sobradelo, Maceiras, Cornazo de Abaixo, A Veiga e os Borrizos.
Neste concello, a administración autonómica tamén puxo e marcha a execución da vivendas de protección oficial na Urbanización Bosque dos Desamparados onde se instalou tamén un centro de día, e obras de infraestrutura como os ramais da variante deste concello dando así servizo ao Porto; a mellora da seguridade viaria na PO-192 entre a rúa Pedroso e Bamio, ou a modificación puntual do PXOM para facilitar a ampliación de Larsa.
Unha nova escola infantil; obras de mellora na praza de abastos; a reforma do IES Armando Cotarelo e doutros centros educativos e a posta en marcha de varios obradoiros de emprego, incluído o novo que se abrirá en breve e que dará formación a 21 alumnos, son outros dos investimentos importantes da Xunta para Vilagarcía.
O delegado territorial destacou a importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.
“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.











