Cores Tourís mantén un primeiro encontro institucional co alcalde da Guarda

Cores Tourís na reunión co alcalde da Guarda
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Guarda dentro da rolda de visitas institucionais que está a realizar aos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.
O obxectivo destas visitas, como explicou Cores Tourís ao novo rexedor da Guarda, Antonio Lomba, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.
Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como as infraestruturas do municipio, e en concreto, o avance na VAC entre Tui e A Guarda. Tamén se analizou a necesidade do concello de entrar a formar parte do plan de transporte metropolitano, “xa que consideramos que moitos veciños poderíanse ver beneficiados con este servizo”. A maiores, o alcalde e o delegado tamén estudaron o proxecto de reforma da praza de abastos do municipio.
O delegado territorial aproveitou o encontro para recordarlle ao novo alcalde da Guarda a importancia de que, nos próximos meses, se siga a colaborar entre institucións de cara a poñer en marcha novos proxectos e obras nesta localidade. “Nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”, explicou Cores Tourís.
Deste xeito, o delegado territorial quixo destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, “que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.
En relación ao concello da Guarda, o delegado territorial recordou que a administración autonómica levou a cabo importantes proxectos neste municipio, como a execución de diversas melloras nos centros educativos, repoñéndose, por exemplo, as cubertas dos CEIP Chano Piñeiro, Serra-Vincios e do IES Auga da Laxe. Ademais, tamén se executaron melloras na estrada da Guarda a Fornelos e o itinerario ciclista da PO-552 entre este municipio e Baiona.
As axudas ao sector do mar, fundamental para este concello, e que supuxeron nos últimos anos máis de dez millóns de euros; a rehabilitación da Casa dos Alonsos para convertela en sede do concello ou da praza de abastos, así como das rúas Galicia e Manuel Lombapara dinamizar o comercio local, foron outros dos investimentos máis salientables da Xunta de Galicia na Guarda. “Neste concello, ademais, tamén se levaron a cabo proxectos tan importantes como a reparación do dique de abrigo do peirao; a variante entre Tui e A Guarda ou a clausura do vertedoiro de residuos de construcción”, rematou José Manuel Cores Tourís.











