Conta atrás en Bueu para a Festa do Carme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCalendario
A-
A+

Entre o xoves 16 e o sábado 18, Bueu celebra a festividade do Carme. Ademais, como cada ano, a Asociación San Marcos de Beluso comeza hoxe a X Semana Cultural do Carme, programación na que destaca a misa do 18 ás oito da tarde polos que perderon a vida no mar.

Os actos do Carme de Bueu comezarán o xoves con pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu ás 10 horas, seguida de misa ás 12 con procesión ata a Lonxa de Bueu, acompañada pola banda de gaitas Manxadoira e a Banda de Música de Bueu. Como novidade importante, este ano a Asociación Cultural das Alfombras do Corpus de Bueu confeccionará un tapiz floral de 60 metros cadrados coa imaxe da virxe que ten a parroquia de Bueu. Esa alfombra será a que se portará despois na procesión e nela colaborarán membros da Comisión de Festas e da Confraría de Pescadores de Bueu, aínda que están abertos á participación de calquera persoa que o desexe. A alfombra deixarase perfilada na noite do día 15, para proceder ás 6 da mañá do 16 ao seu pintado.

Ás 18 horas, de novo terá lugar na Lonxa unha Misa Maior cantada pola Coral Polifónica Maruxía de Bueu, seguida da procesión marítima e o regreso á igrexa. Pola noite, as orquestras Los Players e Principal serán as encargadas de poñer a música e o baile.

O venres haberá un pasarrúas ás 10 horas a cargo da Banda de Música de Vilanova de Arousa, e á noite a verbena estará amenizada por Primera Línea e Condor Band.

E xa o sábado culmina a festividade, celebrándose ás 10 horas o derradeiro pasarrúas a cargo de Charanga F.D.A., e pola noite actuarán a orquestra Tango, seguida de fogos de lucería ás 24 horas. Ao remate dos mesmos, actuarán os grupos The Black Trais e Foxi Freire.

15 de xullo de 2015 | 10:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.