Constitúese o consorcio provincial contra incendios de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Constitución do Consorcio  Provincial de Ourense

Constitución do Consorcio Provincial de Ourense

O director xeral de Emerxencias e Interior , Luis Menor asistiu hoxe á constitución do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento, que ten como obxectivo homoxeneizar o servizo e cubrir a totalidade da provincia de Ourense.

Luis Menor destacou a importancia de traballar coordinados entre todas as Administracións involucradas para seguir mellorando na eficacia, e na eficiencia, así coma na xestión deste importante servizo a prol dos cidadáns, e destacou as vantaxes organizativas, operativas e económicas que supón a creación dun consorcio provincial contra incendios, reducíndose os custos en 60.000 euros ao ano”.

O obxectivo do Consorcio, que entrará en pleno funcionamento en xaneiro de 2016, é desenvolver competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento. O consorcio executará os labores de prevención, extinción de incendios e salvamento que se lles atribúen na lexislación aos entes consorciados, mediante a xestión e coordinación dos parques, para garantir a prestación homoxénea do servizo. Entre os fins do consorcio estará a colaboración cos servizos municipais de protección civil dos concellos para o salvamento de persoas e bens; a prevención e extinción de incendios; a prevención e actuación ante calquera tipo de sinistro ou situación de risco; e o asesoramento e asistencia, formación e información en materia de seguridade, que afecten a persoas, edificacións e instalacións; así como o fomento da auto-protección

A Xunta e Deputación de Ourense consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio, e consideran esta fórmula como a organización idónea para facilitar a integración tanto dos actuais consorcios comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia e O Carballiño- O Ribeiro xa existentes, como daqueloutros que se puidesen integrar, constituír ou equipar. Desta maneira, os catro consorcios comarcais cos que conta a provincia de Ourense serán disolvidos para a súa integración no consorcio provincial, e cada un achegará os medios técnicos e os recursos con que conta.

31 de xullo de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.