Conde trasládalle ao presidente de COFER a importancia da cooperación para impulsar o crecemento empresarial de Ferrolterra

Conde na reunión co presidente de Cofer
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro co novo presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro, ao que lle trasladou a importancia da cooperación para seguir impulsando o crecemento do tecido empresarial de Ferrolterra.
Neste contexto, Conde resaltou o importante papel que está a xogar o CIS Galicia a través do seu novo Plan de Acción, encamiñado a facer do Centro o nexo de unión entre innovación e empresa, achegando ás pemes tecnoloxías facilitadoras da Industria 4.0. Con este plan, mobilizaranse 5 millóns en dous anos contribuíndo á competitividade dos sectores estratéxicos como o naval, a automoción, o turismo ou o comercio; e impulsando proxectos innovadores entre o tecido empresarial.
No marco deste plan, o CIS Galicia está chamado a desempeñar un papel clave nun sector estratéxico para Ferrol como é o naval, canalizando as actuacións innovadoras da Axencia Galega de Innovación, e prestando servizos a Navantia, aos pequenos e medianos estaleiros, e as auxiliares. Así mesmo, estase a traballar no estaleiro do futuro, na procura de facer do CIS Galicia o centro de referencia no que empresas e centros de investigación impulsen o naval 4.0.
Deste xeito, potenciarase a capacidade xa instalada e o know-how do sector, contribuíndo a consolidar a súa recuperación, sustentada tanto na consecución de novos contratos como na capacidade de diversificación industrial. Neste sentido, o naval ferrolán está a conseguir contratos posicionándose en novos nichos de mercado como o da eólico offshore ou os buques propulsados por GNL, actuacións que contribúen a que Navantia sume nestes momentos máis de 700 millóns en pedidos.
Esta aposta, explicou o conselleiro, impulsa o desenvolvemento económico e industrial de Ferrolterra, dando continuidade ao Plan Ferrol, que ten mobilizado 600 millóns desde o 2009 apoiando 4.000 proxectos na comarca. Un traballo que se complementa co Reindus que, pese a esixencia de novos requisitos, suma 36 proxectos de investimento nos tres últimos anos facendo de Ferrol Eume e Ortegal unha das zonas con mais axudas concedidas de todas as convocatorias de Reindustrialización de España.











