Conde destaca o impacto do centro de Rozas na economía e o emprego de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Conde na visita ao CIAR

Conde na visita ao CIAR

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o impacto que o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), como núcleo do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados, terá na economía e o emprego de Lugo. Conde acompañou hoxe nunha visita ás instalacións de Rozas ás empresas que están a participar no Workshop Civil UAVs Initiative, no que están tomando parte compañías de todo o mundo interesadas nesta iniciativa e entre as que se atopan multinacionais como Airbus, Boeing, Agusta Westland, Elbit Systems ou Inaer.

“Neste proxecto investiremos 55 millóns entre as dúas administracións, a galega e a central”, sinalou Conde, que explicou que aos 45 millóns destinados á contratación dun ou varios socios industriais, así como a compra de tecnoloxía, cabe engadirlle os 10 millóns que INTA e Xunta están a investir no equipamento do CIAR.

“Rozas convértese no núcleo, no corazón do proxecto aeronáutico para Galicia”, salientou o conselleiro, quen destacou que este era o lugar que reunía todas as características que necesita un polo desta dimensión. “En Rozas lévase moitos anos traballando por parte do Inta, desenvolvendo proxectos innovadores e tecnolóxicos; hai un coñecemento de todo o que significa investigación en aeronáutica”, subliñou Conde. Ademais, proseguiu, o proxecto supón “unha oportunidade para Rozas, para a provincia de Lugo, para que o interior de Galicia participe no proxecto de reindustrialización da nosa industria e na actualización do noso modelo produtivo”.

O obxectivo, salientou o titular de Economía e Industria, é que o CIAR sexa epicentro da mellora de servizos públicos estratéxicos para Galicia grazas ao uso de avións non tripulados, cun impacto socioeconómico moi importante para Rozas e a súa bisbarra, impulsando a creación de emprego directo e indirecto nos eidos tecnolóxico e industrial, tanto polo traballo dos socios industriais como pola colaboración con empresas galegas que eles poñan en marcha.

Neste sentido, apuntou o titular de Economía e Industria, supón unha oportunidade de que a bisbarra se converta no núcleo dun polo tecnolóxico ao redor dunha actividade con excelentes perspectivas de futuro. Non en van, o mercado dos avións non tripulados é o de maior proxección de futuro de todo o sector da aeronáutica a nivel mundial, cun volume de negocio previsto de 67.000 millóns de euros no próximo decenio.

“Trátase dun proxecto vertebrador desde o punto de vista industrial que queremos desenvolver na provincia de Lugo, e que terá impacto no resto de Galicia, tanto pola capacidade industrial que xa temos instalada nas provincias de Ourense e de Vigo, como pola participación das nosas universidades e centros tecnolóxicos”, apuntou Conde. Deste xeito, concluíu, a elección do aeródromo de Rozas se suma ao compromiso da Xunta coa creación de oportunidades para que as provincias do interior participen no cambio de modelo produtivo que precisa Galicia.

21 de xullo de 2015 | 20:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.