Conde defende a consecución dun marco estable para as empresas electrointensivas galegas
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co eurodeputado galego Francisco Millán Mon, e con Édouard Martin, autor dun informe sobre a industria europea de metais básicos, e Pilar del Castillo, membros da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento europeo. Na reunión se plantexaron e analizaron diferentes alternativas de cara á consecución do marco máis estable posible para as empresas electrointensivas.
Así, durante o encontro, realizado no marco da viaxe á capital europea que está a levar a cabo o conselleiro para avanzar no impulso á innovación e á Industria 4.0, abordáronse distintas solucións á situación destas empresas de consumo intensivo de enerxía, como Alcoa. Neste contexto, Conde resaltou a necesidade de traballar de modo coordinado e conxunto entre os distintos países da Unión Europea na procura da máxima certidume posible no mercado enerxético de cara a manter a competitividade industrial.
Así mesmo, o titular de Economía e Industria defendeu a posibilidade de fixar contratos estables de larga duración. Este tipo de contratos, explicou, permitirían ás industrias electrointensivas a realización de investimentos a longo prazo facilitando a súa modernización tecnolóxica.
Encontro en Santiago cos traballadores de Alcoa na Coruña
Pola súa banda, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, mantivo esta mañá un encontro en Santiago cos representantes do comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña, aos que lles trasladou a confianza da Xunta en que o novo sistema de interrumpibilidade garanta uns prezos eléctricos competitivos, tanto para Alcoa como para o resto de empresas electrointensivas.
Durante a xuntanza, que permitiu avaliar a situación actual da empresa e escoitar as inquedanzas trasladadas polos empregados da planta, Bernardo Tahoces sinalou que a Consellería de Economía e Industria está a traballar nesta dirección, prestando o seu apoio ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo co obxectivo de configurar un sistema estable que aporte credibilidade e certeza aos prezos da enerxía.











