Concerto de ‘Estamos no verán’ para dinamizar a lingua galega en Bueu
O Concello de Bueu e a Xunta de Galicia organizan o concerto “Estamos no verán”, grazas ao que encherán a praza Massó o 19 de xullo a partir das 21 horas. Este espectáculo, enmarcado nas actividades de dinamización lingüística, corre a cargo do artista Xoán Curiel e a banda Son+ de 2, cun feixe de historias para cantar, brincar e gozar na nosa lingua facéndoa protagonista do tempo de ocio.
“Estamos no verán” conta e canta as aventuras dun grupo de xente miúda que soña con montar o seu propio grupo de música e facer cancións en galego. Os espectadores bailarán a ritmo de rock, funk, blues, pop, reggae e bossa nova.
O evento forma parte do programa de Falaredes 2015 para achegar o galego aos nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, e xa celebra este ano a cuarta edición con éxito, transmitindo a nosa lingua con actividades de lecer polos 18 concellos galegos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, entre os que se atopa a nosa vila.
No caso de chuvia, a actividade trasladarase ao Centro Social do Mar de Bueu.











