Concerto da Real Filharmonía na Quintana para pechar o Apóstolo 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

As festas do Apóstolo chegan ao seu fin este venres 31 cunha xornada cargada de propostas interesantes. Comezamos ás 20:00 h co pasarrúas a cargo da Trova de Celaya (México), animación que logo continguará da man da Charanga Compostela a partir das 21:30 h. Os pratos fortes serán o concerto da Real Filharmonía de Galicia a partir das 21:00 h na praza da Quintana e os fogos fin de festa dende o Campus Sur ás 23:30 h. Ademais, a partir da medianoite estará a Orquestra Fórmula no paseo central da Alameda.

A Real Filharmonía de Galicia ofrece o concerto fin de festas a partir das 21:00 h na praza da Quintana. Dirixida polo mestre Diego García Rodríguez, interpretara catro obras, cunha duración aproximada de 50 minutos de concerto (9, 10, 24 e 8 minutos). Comezará coas oberturas As avespas, de Ralph Vaughan Williams (1872-1958) e As alegres comadres de Windsor, de Otto Nicolai (1810-1849). Despois poderemos escoitar fragmentos do ballet O Crebanoces, de Piotr Ilich Tchaikovsky (1840-1893), para rematar coa obertura A bela Helena, de Jacques Offenbach (1819-1880).

As invitacións para cadeira podían retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal, pero esgotáronse hai dous días. En todo caso, só son válidas ata 10 minutos antes do inicio do concerto, polo que todos aqueles que se acheguen ata a praza da Quintana sen entrada poderán ocupar as butacas que queden baleiras a partir das 20:50 h. Ademais, o resto do espazo da praza estará tamén aberto ao público ata completar aforo.

30 de xullo de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.