Concello de Vilagarcía e colectivos danse ata setembro para estudar cal é a mellor fórmula xurídica para a xestión local do turismo
O alcalde, Alberto Varela, mantivo hoxe, a partir das 11 da mañá e durante case dúas horas, unha reunión con distintos colectivos implicados na promoción turística e comercial da cidade. Uns e outros fixaron para setembro unha nova reunión para que cada quen expoña a fórmula xurídica que prefire para a xestión do turismo local. Para iso, cada un dos participantes recibirá un estudio realizado pola Femp no que se que se comparan os distintos modelos –padroados, consorcios, asociacións, con ou sen participación privada, etcétera- e se expoñen distintos exemplos de aplicación e éxito en diversos municipios de España. Igualmente, recibirán modelos de estatutos de ese organismo no que se pretende centrar a labor de difusión da imaxe turística do Concello.
O mes de setembro será tamén o momento de definir claramente os obxectivos, se ben hai algúns sobre os que xa existe certo consenso: a necesidade de programar actividades que desestacionalizar a oferta e polo tanto sirva de reclamo máis alá do verán e Semana Santa, unha aposta máis decidida polo turismo cultural e medioambiental, no que Vilagarcía ten unha oferta que a distingue da maioría, unha presenza en Internet axeitada aos tempos actuais, etcétera.
Na reunión tamén se falou do máis inmediato, as festas patronais, nas que todos coincidiron na necesidade da colaboración pública e privada, tanto en cuestións de seguridade e hixiene coma de control da venda ambulante, que en moitos casos deriva nunha competencia desleal.
Outras das cuestións nas que incidiron os colectivos foi na necesidade de formar aos propios hostaleiros e comerciantes sobre a cantidade e cualidade dos recursos turísticos dos que dispón a cidade, por exemplo promovendo visitas guiadas a Cortegada dos profesionais do sector para que coñezan de primeira man os atractivos turísticos da propia illa. Por último, os colectivos solicitaron que calquera reunión que se convoque sexa para temas concretos, evitando así fiascos como os rexistrados no recente pasado.
REUNIÓN DE COORDINACIÓN
Mentres o alcalde se reunía cos sectores máis implicados no turismo –hostaleiros de Ahituvi, comerciantes de Zona Aberta, autónomos de Upta, praceiros, centro comercial Arousa, taxistas e empresas como Corticata e Pazo de Rubiáns-, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, mantiña outra xuntanza, esta de carácter interno, para a coordinación das festas patronais. Na mesma participaron varias concellerías –Cultura, Seguridade Cidadá, Turismo, Xuventude e Obras- e os técnicos de distintos departamentos e servizos. Foi unha primeira toma de contacto para ir axustando necesidades e servizos; cando o programa estea rematado haberá novas reunións, ademais da específica de seguridade para o Combate Naval.











