Comezan as visitas teatralizadas ao Castelo de San Felipe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Este sábado 25 terá lugar a primeira visita teatralizada ao Castelo de San Felipe, na que “as pantasmas que habitan a fortaleza militar dende o século XVIII” explicarán a súa importante historia.

A hora de inicio da visita será ás 18:00 horas, cunha duración aproximada de hora e media. O número máximo de participantes é de 100 persoas. O prezo da actividade é de 6 euros os adultos, 4 para os maiores de 65 anos e os nenos entre 5 e 12 anos, e de balde para os menores de cinco anos.

Para participar nesta visita teatralizada tamén se pode acudir ao castelo en barco, saíndo dende o Porto de Curuxeiras en Ferrol, ou ben achegarse por libre a San Felipe e unirse alí á visita. No caso de optar pola viaxe pola ría, a saída dende o peirao será ás 17:00 horas, cun prezo de 6 euros ida e volta, e gratuito para os menores de 5 anos.

A visita teatralizada ao Castelo de San Felipe é un dos eventos máis destacados da programación estival organizada dende o Concello de Ferrol e se desenvolverá de novo os días 1, 8, 15 e 22 de agosto.

A maiores, dende o mes de xullo está xa en marcha o programa de actividades organizado pola Concellería de Turismo co que se trata de incrementar o atractivo turístico da cidade ao tempo que se ofrecen alternativas de lecer para os propios ferroláns.

Un calendario de actividades que contempla tamén a posibilidade de realizar paseos en barco pola ría de Ferrol ou ata a localidade veciña de Mugardos, que permiten coñecer os grandes atractivos que ten a cidade e que ás veces quedan ocultos a primeira vista.

Coñecer a ría de Ferrol e a ruta da construción naval dende o mar será posible ata o 13 de setembro, nunhas viaxes dunha hora de duración. Castelos e baterías da costa con séculos de historia, asteleiros, buques en reparación ou modernas fragatas quedarán á vista de todos aqueles que se suban a un servizo marítimo que ten un custo de 7 euros, ida e volta, e que será gratuito para nenos menores de 5 anos. As saídas do porto de Curuxeiras son ás 12:00, 13:00, 16:00, 17:00, 18:00, 19:00 horas todos os días.

Así mesmo, tamén neste mesmo período pódese viaxar en lancha entre Ferrol e Mugardos. Os billetes, de 3 euros, véndense no mesmo barco. De Ferrol hai saídas cada hora, dende as 11:00 ata a 14:00 horas e dende as 16:00 ata as 20:00. Dende Mugardos o barco partirá cada hora dende as 11:30 ata as 14:30 e de 16:30 a 20:30 horas.

VISITAS GUIADAS AO ARSENAL MILITAR

As visitas guiadas ao Arsenal Militar, declarado Ben de Interese Cultural, pódense realizar os sábados e domingos ata o 13 de setembro, ademáis dos venres, dende o 7 ata o 28 de agosto. Esta iniciativa permitirá coñecer esta base naval, a máis importante do norte de España, na que teñen a súa base as fragatas máis modernas, as F-100. Poderase descubrir o gran atractivo que se atopa tras a muralla militar, o porto ideal da Ilustración e unhas instalacións que tras 250 anos de historia aínda están operativas.

As visitas, cunha duración aproximada de hora e media, iniciaranse ás 11:00 horas, se ben os venres de agosto tamén serán ás 19:00 horas. O punto de partida será a Oficina de Turismo do Porto de Curuxeiras.

“DOS ASTELEIROS DO REY A NAVANTIA: 250 ANOS CONSTRUÍNDO BARCOS”

Outra das actividades das que se poderá disfrutar este verán en Ferrol é a visita guiada en tren turístico polos asteleiros de Ferrol, nos que conflúe a tradición, a historia e a tecnoloxía, na construción de buques militares. Coñecerase cómo se constrúen e reparan hoxe en día os navíos máis modernos.

Estas visitas están dispoñibles os sábados e domingos, ás 12:30 horas, ata o 13 de setembro, comezando na praza de Galicia, diante do Teatro Jofre.

En ámbolos dous casos, tanto no das visitas guiadas ao Arsenal como nas dos asteleiros, é preciso realizar inscripción previa obligatoria nos teléfonos 604 008 670 e 696 53 10 70.

24 de xullo de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.