Comezan as obras de creación de dúas novas aulas no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco
O Concello da Laracha iniciou a execución das obras incluídas no proxecto de creación de dúas novas aulas no interior do edificio principal do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. Estes novos ámbitos estanse a habilitar no primeiro andar, concretamente ocupando o espazo libre existente entre a zona superior da porta de entrada e o lucernario.
Trátase dunha actuación que foi consensuada coa comunidade educativa do centro e que conta coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O obxectivo do proxecto é un maior aproveitamento dos espazos dispoñibles no edificio para facilitar o desenvolvemento das labores diarias no centro tanto dos alumnos como dos docentes e do resto de persoal do colexio.
A actuación, que será financiada integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais, suporá un investimento duns 25.000 euros.
As obras estanse desenvolvendo durante as vacacións de verán precisamente para non impedir o normal funcionamento do centro en horario lectivo. Os traballos estarán completados antes do inicio do curso escolar 2015-2016 no mes de setembro.
Este proxecto dará continuidade ás melloras realizadas nos últimos meses nas instalacións do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e que tamén contaron coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia, tales como a substitución das tubaxes da calefacción, a renovación da canalización do servizo de recollida de augas pluviais e a creación da nova aula de informática.











