publicidade hoxe

Comeza o campo de traballo medioambiental na ruta da Pedra e da Auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A ruta da Pedra e da Auga terá a partir de mañá novos visitantes. Mañá dará comezo o campo de traballo medioambiental destinado a voluntarios de ámbito nacional e internacional dentro do marco de Acción de Verán organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Na actividade participarán dez mozos de varias nacionalidades con idades comprendidas entre 18 e 30 e comezarán nas labores ambientais  dende mañá ata o 11 de xullo.

O campo de traballo do Salnés non só está orientado a labores medioambientais, xa que  combinará actividades na ruta pola mañá e deportivas e culturais pola tarde. Nas actividades da mañá, os  voluntarios serán coordinados por biólogos expertos para analizar o medio, a fauna e a flora e para realizar tarefas de protección e mantemento da ruta e para que sexa máis accesible para o público en xeral. 

Os voluntarios tamén participarán durante os nove días de traballo en obradoiros sobre iniciativa empresarial e autoemprego, sendeirismo, ciclismo de montaña, tiro con arco, orientación, dinamización grupal, snorkel, visitas ás praias das Rías Baixas e moitas máis actividades de tempo libre.

Ademais, o proxecto ofrece aos voluntarios un equipo que os acollerá e axudará a levar a cabo o traballo programado e a dinamización do campo, os medios

materiais necesarios para desenvolver as tarefas que lles especifiquen e aloxamento e manutención durante os días de traballo, que neste caso será no Pavillón de Barrantes.  

Caseta de turismo 

Por outro lado, dende o Concello recordamos que a Oficina de Turismo de Ribadumia –situada na rotonda dos Castaños- xa está aberta ao público. A oficina estará aberta os catro meses de período estival –dende o 17 de xuño ata o 14 de outubro de 2015- en horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas e sábado e domingo de 11:00 a 14:00 horas. 

Co obxectivo de explotar os recursos turísticos, o informador organizará visitas guiadas gratuítas pola afamada ruta da Pedra e da Auga e por calquera punto que cree interese ós grupos que se achegan ata o municipio. Tamén poderán atopar información sobre o patrimonio etnográfico, os paseos fluviais, o xacemento do Monte do Castro, o río Umia, (etc.)

1 de xullo de 2015 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.