Comeza o campo de traballo internacional que se desenvolverá na conca do río Bradoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha repetirá neste verán a experiencia de organizar campos de traballo internacionais, iniciativa desenvolvida no noso municipio por primeira vez o pasado verán. O programa ponse en marcha coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Trátase de propostas dirixidas a mozos (de entre 18 e 30 anos de idade) voluntarios de todo o mundo que durante a súa estancia no noso termo municipal realizarán labores relacionadas coa posta en valor do entorno ambiental e a riqueza etnográfico-patrimonial das concas dos ríos Acheiro e Bradoso.

O primeiro dos campos de traballo terá como punto de referencia a conca do Bradoso, que discorre pola parroquia de Montemaior. A labor que se encomendará aos participantes será a limpeza e acondicionamento do entorno do río, a sinalización dun roteiro para realizar a pé e o acondicionamento de muíños de auga que se atopan na zona. Todo o proceso será documentado con información e material audiovisual.

Nesta primeira quenda, que se desenvolverá a partir de mañá e ata o 24 de xullo, participarán oito voluntarios, dous procedentes de Taiwan, un de Rusia, un de Francia e catro españois (dous da Comunidade Valenciana e outros dous de Castela e León). Todos eles están citados para presentarse na Casa do Concello mañá ás 17:30 horas, onde serán recibidos polo alcalde, José Manuel López Varela, e polos catro monitores, aínda que nalgúns casos, e debido ás conexións aéreas, está previsto que cheguen á Laracha pola noite ou incluso na xornada do xoves. 

Ao longo dos próximos días, o traballo específico na conca do río realizarase polas mañás. Durante as tardes os voluntarios participantes no campo de traballo realizarán outra serie de actividades de tipo educativo, didáctico e cultural que tamén lles permitirán coñecer o termo municipal da Laracha, así como a súa historia e tradición, ademais de realizar visitas a outros lugares da Costa da Morte, A Coruña e Santiago de Compostela. 

Durante a súa estancia no termo municipal da Laracha aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida, isto é, no antigo hospital dos peregrinos de Montemaior que o Concello xa equipou por completo para acoller aos voluntarios. 

Neste verán o Concello da Laracha acollerá do 27 de xullo ao 5 de agosto un segundo campo de traballo que se centrará na conca do río Acheiro. Os mozos de entre 18 e 30 anos de idade que desexen participar como voluntarios (tamén poden ser veciños da Laracha) poden anotarse ou ampliar información na web www.xuventude.net.

14 de xullo de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.