Comeza o campo de traballo de Xuventude ‘Conca do Bradoso’ na Laracha

Campo de traballo na Laracha
O campo de traballo ‘Conca do Bradoso’ que oferta a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado na Laracha vén de comezar. Os participantes nesta iniciativa, que contan con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, realizarán ata o próximo 24 de xullo diferentes actividades centradas basicamente en coñecer as técnicas de acondicionamento e mellora dun roteiro e dun muíño de río.
Os mozos e mozas, ademais, intercambiarán experiencias, coñecementos e costumes, ao tempo que favorecerán a comunicación grupal e acadarán actitudes de colaboración e cooperación. Así mesmo, os monitores motivarán aos participantes para coñecer mellor Galicia e os seus recursos, tendo en conta a súa contorna cultural e social. Tamén se potenciará o sentimento de servizo á comunidade cos traballos desenvolvidos.
En total, a campaña de verán da Xunta ofertará este ano 700 prazas en campos de traballo: 465 de acollida, e outras 260 de partida, un 19% máis que o ano anterior. En concreto, das prazas no exterior, 115 son noutras comunidades autónomas, e 150 distribuiranse en máis de 25 países de todo mundo.
Os campos de traballo de Galicia son 18: Illas Cíes (4 quendas), Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha (2 quendas), Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.
En 2015, o departamento autonómico investirá máis de 2,4 millóns de euros para financiar preto de 8.530 prazas da campaña de verán, entre campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo en Galicia. Esta programación permitirá, á súa vez, a contratación duns 900 monitores e directores de campamentos durante os mes de verán.











