publicidade hoxe

Comeza o acondicionamento e prolongación da senda peonil entre Sanguiñal e Carantoña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Acondicionamento da senda peonil

Acondicionamento da senda peonil

O Concello de Lousame celebra o inicio das obras de acondicionamento e prolongación da senda peonil entre O Sanguiñal e Carantoña na estrada DP-1104 Ponte Beluso-Ponte de San Francisco. Unhas obras que está a desenvolver a Deputación Provincial da Coruña, dentro da cuarta fase do Plan de Sendas Peonís, e no que se investirán case 129.000 euros.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destaca que esta actuación “permitirá mellorar a seguridade viaria dos veciños e veciñas da parroquia de Tállara”. As obras, que contan cun prazo de execución de catro meses, comezaron esta mesma semana cos traballos máis complicados: a construción dun muro de escollera para salvar o desnivel existente na zona.

Características das obras

Os traballos permitirán ampliar en cen metros a actual senda peonil, concretamente entre os núcleos de O Sanguiñal e Carantoña (puntos quilométricos 8,260 e 8,360 da DP-1104), onde na actualidade existe unha beiravía de reducidas dimensións, o que supón un risco tanto para peóns como para vehículos. Así mesmo, as obras permitirán acondicionar a senda xa existente, que se atopa cun pavimento irregular e moi deteriorado. 

A nova senda peonil xa non estará a nivel da estrada, senón sobreelevada e cun ancho medio de dous metros. Estará construída sobre zahorra e afirmado mediante unha mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor. En canto ao tramo onde xa hai senda peonil, mellorarase o seu estado cunha capa de 15 centímetros de zahorra para posteriormente afirmala tamén cunha mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor. Está prevista a colocación de bordillo tanto na senda actual como na nova, cunha separación dun metro do borde da calzada. 

Por último, os traballos tamén contemplan a instalación dunha rede de tubería de PVC de 315 mm baixo a senda para a recollida das augas pluviais, con sumidoiros e pozos de rexistro a cada 25 metros. No proxecto de obra tamén se contempla o traslado dos postes existentes e a reposición da correspondente sinalización horizontal e vertical. 

1 de xullo de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.