Comeza na Laracha o curso de manualidades e pintura ao óleo

Inicio do curso de manualidades
O curso de manualidades e pintura ao óleo, incluído no programa municipal de actividades culturais, deportivas e educativas de verán, comezou a desenvolverse hoxe nas instalacións do centro sociocultural de Santa Lucía na Laracha.
A concelleira de ensino, cultura, deporte e xuventude, Patricia Bello, deu a benvida aos nenos participantes no acto de presentación que tivo lugar esta mañá.
Este curso desenvolverase durante dous meses, xullo e agosto, en dúas quendas: a do xoves e a do venres. En ambos casos o horario é de 11:00 a 13:00 horas. En total participarán en torno a cincuenta rapaces, aínda que nesta primeira semana varios deles non puideron acudir ao estar asistindo aos campamentos de verán de Caión.
Desde o Concello da Laracha lembramos que os prazos de inscrición continúan abertos en practicamente todas as actividades do programa de verán, incluído o curso de manualidades e pintura ao óleo no que aínda quedan prazas dispoñibles. Hai propostas dirixidas a todos os públicos, aínda que centradas especialmente nos nenos para facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros de ensino. As persoas interesadas deben acudir ao Concello para inscribirse ou ampliar información.











