Comeza na Laracha o campo de traballo internacional que se centrará no río Acheiro
Xa está en marcha o segundo campo de traballo internacional que organiza este verán o Concello da Laracha coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A iniciativa desenvolverase ata o vindeiro día 5 de agosto.
Hoxe os participantes realizaron as primeiras labores dirixidas á posta en valor da riqueza etnográfico-patrimonial das zonas fluviais do Concello da Laracha. Aínda que nesta ocasión o programa centrarase no río Acheiro, nas xornadas de traballo iniciais estase actuando no Bradoso, conca na que xa se actuou no primeiro campo de traballo e que é de máis fácil acceso e presenta unha maior comodidade para que os voluntarios comecen a familiarizarse co emprego dos aparellos que utilizarán durante os próximos días.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os edís Jesús Souto e Rocío López xa recibiran oficialmente aos participantes no Concello da Laracha onte pola tarde e esta mañá acudiron ao paraxe de Bustes para interesarse polo inicio das primeiras labores.
Os voluntarios son mozos de entre 18 e 30 anos de idade procedentes de seis países diferentes: ademais de diversos puntos de España (Cantabria, Zaragoza e Huesca), tamén haberá participantes de Taiwan, Alemaña, Francia, México e dúas ucraínas que se incorporarán mañá mércores.
Igual que no campo de traballo realizado entre o 15 e o 24 de xullo, os voluntarios –acompañados por catro monitores especializados- realizarán a labor específica de limpeza, acondicionamento e posta en valor da conca do río Acheiro durante as mañás. Pola tarde están programadas unha serie de visitas e actividades dirixidas a que os voluntarios coñezan o termo municipal da Laracha, outros lugares da Costa da Morte e as cidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
Durante a súa estancia no Concello da Laracha os voluntarios e os monitores aloxaranse nas instalacións do centro sociocultural de Santa Margarida ( antigo hospital dos peregrinos de Montemaior).











