Comeza a sétima edición do Campus Municipal de Baloncesto da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A sétima edición do campus de baloncesto que organiza Concello da Laracha estase a desenvolver nas instalacións do pavillón polideportivo municipal da Laracha. O programa consta de cinco xornadas, ata o venres, que se están a realizar en horario de 11:00 a 13:00 horas.

A actividade vai dirixida a nenos de entre cinco e quince anos de idade, contándose con cincuenta e un rapaces inscritos. Hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de deportes, Patricia Bello.

O obxectivo deste campus é fomentar a práctica do baloncesto e tamén iniciar nesta modalidade deportiva aos nenos que non tiveron contacto con ela, xa que non foi necesario ter coñecementos previos para poder inscribirse. Os rapaces terán ocasión de aprender aspectos técnicos, tácticos e tamén cuestións relativas ao regulamento do baloncesto.

Neste sentido, os técnicos responsables do campus salientaron que algúns dos participantes son nenos que non forman parte das escolas municipais de baloncesto, o que foi unha grata sorpresa e abre a expectativa de captar máis rapaces para adestrar e competir nesta modalidade deportiva durante o inverno.

21 de xullo de 2015 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.