Clausúrase o campamento de lecer Gondoverán
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, asistindo o acto tamen a concelleira Iria Lamas clausuraron esta mañá, no CEIP Chano Piñeiro, o Gondoverán, o campamento de lecer e tempo libre no que participaron 100 rapaces e rapazas, de entre 3 e 12 anos, durante todo o mes de xullo. Nesta última xornada do Gondoverán celebrouse unha gran festa chea de xogos e diversión.
Esta iniciativa, posta en marcha pola Concellaría de Igualdade a través do Centro de Información á Muller coa colaboración da Deputación de Pontevedra, tivo como obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, e potenciar o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combinou os xogos con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables; todo elo supervisado por monitores con formación en igualdade de oportunidades.
A concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, manifestou o seu agradecemento á dirección do CEIP Chano Piñeiro, por brindar as súas instalacións para o desenvolvemento do campamento, así como á empresa encargada do Gondoverán.