publicidade hoxe

Clausúrase en Bergondo a 18ª edición da Escola de Verán do Poder Xudicial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondo
A-
A+
Belén do Campo no acto de clausura

Belén do Campo no acto de clausura

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou hoxe o esforzo do departamento autonómico para “dotar á Administración de Xustiza dos medios adecuados e suficientes que se adapten aos cambios sociais e tecnolóxicos, para que, deste xeito, sigan prestando un servizo eficiente á cidadanía”. Do Campo salientou a procura que está a levar a cabo o Goberno galego para proporcionar á Xustiza unha maior independencia e incrementar os seus recursos humanos.

A máxima representante do Executivo autonómico na provincia clausurou hoxe a 18ª edición da Escola de Verán do Poder Xudicial no pazo de Mariñán en Bergondo. Na súa intervención, a delegada territorial resaltou o compromiso da Xunta por aportar máis vías de actuación, como o Plan de impulso democrático deseñado polo Goberno presidido por Núñez Feijoo, e de dotar á planta xudicial de máis instrumentos a través da modernización dos xulgados galegos. Proba disto son os 120 millóns de euros que a Xunta investiu na mellora das infraestruturas xudiciais galegas, un 6% máis que o ano pasado.

No acto, que contou coa presenza da secretaria de Estado de Xustiza, Carmen Sánchez, dos vogais do Consello do Poder Xudicial, Álvaro Cuesta e Juan Manuel Fernández, e da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, Do Campo sinalou que este programa de formación continua dos integrantes da carreira xudicial para o ano 2015 “é un exemplo da intensa colaboración que desde o ano 1991 veñen despregando a Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial en materia de formación de xuíces e maxistrados”.

Os dous cursos que conformaron esta edición da Escola de Verán foron, por unha banda, A relación do Poder Xudicial con outros poderes do Estado, e, por outra, O Poder Xudicial e a Administración de Xustiza. O programa, tal e como afirmou Do Campo, “amosa a importancia que se lle dá desde a Xunta a iniciativas formativas que contribúen a afondar na actualidade lexislativa, fomentar a reflexión e impulsar a formación dos que teñen na súa labor diaria a fundamental misión de impartir xustiza”.

17 de xullo de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.