Clausura das xornadas de Dereitos laborais e emprego do fogar e Resolución de conflitos na adolescencia

Entrega de diplomas
O tenente alcalde e concelleiro responsábel da área de Servizos Sociais, Nicolás González Casares, participou hoxe na clausura das xornadas de Dereitos laborais e emprego do fogar e Resolución de conflitos na adolescencia, organizadas pola Oficina Municipal do Plan de Inclusión social de Galicia e Servizos Sociais do Concello de Lalín. O taller, no que participaron 25 mulleres inmigrantes, tivo como obxectivo o asesoramento no ámbito laboral e familiar.
González Casares agradeceu o traballo dos organizadores, así como a participación de todas as mulleres que asistiron. Nas palabras que pronunciou a modo de peche, o concelleiro expresou a importancia da multiculturalidade, como elemento enriquecedor dunha sociedade, “xa que non só aprendedes cousas de nós, senón que nós tamén aprendemos moitísimo dos que vindes de fóra”. Así mesmo, destacou o seu desexo de que “o curso fose proveitosos para todas, porque entendo que os asuntos laborais e os problemas domésticos poden ser máis complicados de afrontar estando nun país estranxeiro”.
Para finalizar, Nicolás González Casares entregoulles un diploma que certifica a participación e o aproveitamento do curso por parte das asistentes, orixinarias de países tan dispares como Marrocos, Alxeria, Lituania, Paraguai, Brasil, Arxentina ou Portugal.











