Claudia Delso: “Compartiremos recursos e estratexias con aqueles Gobernos que teñan a participación e a transparencia entre as súas prioridades”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Participación e Innovación Democrática da Coruña, Claudia Delso, viaxou este mércores a Madrid, onde participou nunha xuntanza co seu homólogo no concello encabezado por Manuela Carmena, Pablo Soto. Na xuntanza analizáronse tanto os proxectos como as estratexias que pretende abordar o Goberno local madrileño nas áreas que atinxen tanto a partipación cidadá como a transparencia.

Igualmente, e segundo destacou Delso, tamén se falaron sobre formas de traballo “en rede” entre aqueles novos Gobernos locais que teñen entre os seus sinais de identidade as políticas de participación cidadá e a transparencia. “Existe unha gran sintonía, ademais de vontade de compartir tanto estratexias como recursos de traballo e ideas entre os nosos Gobernos”, indicou Delso, quen manifestou que a xuntanza deste mércores é unha sorte de continuación dun encontro inicial mantido na campaña electoral. “Naquel outro acto comezouse a falar desta forma de traballo, da importancia das políticas de transparencia e participación. Agora, cando levamos máis dun mes volvemos a atoparnos para analizar polo miúdo formas de traballo”, subliñou.

A intención de Delso é artellar políticas de colaboración en rede con todos aqueles concellos que teñan na participación cidadá unha das súas prioridades. De feito, ademais de reunirse con Soto, concelleiro en Madrid de Participación Cidadá, Transparencia e Goberno Aberto, tamén asistiu no recinto de MedialabPrado á presentación do plan de área que ten o Executivo de Manuela Carmena para con esta materia. Alí tamén estiveron presentes representantes das concellerías de Participación de distintos Gobernos locais como o de Barcelona ou Zaragoza, cos que tamén se acordou a colaboración en rede de cara a afrontar experiencias similares neste tema.

29 de xullo de 2015 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.