Charla informativa en Marín sobre a marca de calidade “Pescaderías, de onde senón?”

Charla informativa
Hoxe, luns 6 de xullo, ás 10:00 horas, tivo lugar na praza de abastos de Marín unha charla informativa sobre a marca de calidade dos productos da pesca artesanal Pescaderías, de onde senón?, dirixida ás persoas profesionais da venda de peixes e mariscos da praza de Marín. A marca é unha iniciativa da Consellería do Medio Rural e do Mar para identificar e diferenciar os peixes e mariscos procedentes da frota artesanal galega. As praceiras amosáronse interesadas en coñecer os produtos certificados, e as lonxas certificadas onde adquirilos, ademais do xeito de ofrecer ao público esta marca de calidade e confianza.
Ademais, presentouse a plataforma de venda on line www.pescadoartesanal.com, promovida polo Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra, para dinamizar a primeira venda de peixes e mariscos a través das novas tecnoloxías. Participan nesta plataforma as lonxas de Bueu, Marín, Campelo e Portonovo, e poden acceder á venda minoristas, maioristas, distribuidores e restaurantes, de xeito que se axiliza e minimiza o tempo entre a descarga e a recepción do produto polo comprador. Ademais, as persoas consumidoras poden atopar información sobre as descargas en cada lonxa e promocións de peixerías e restaurantes das que se pode beneficiar.
Tres destas lonxas, Bueu, Campelo e Portonovo, ademais, están certificadas e son usuarias da marca de calidade Pescaderías, de onde senón?











