CEP e UXT analizan situación económica da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, reuniuse con Domingo Barros, presidente da xestora da Unión Comarcal de UXT-Vigo, con quen analizou a situación económica da comarca de Vigo, durante o seu primeiro encontro institucional.

Ambos fixeron un repaso da situación do mercado laboral e coincidiron en sinalar que a incipiente e paulatina recuperación da actividade industrial debería actuar como cabeza tractora do sector servizos e do comercio, permitindo dinamizar a economía comarcal e provincial.

No entanto, tanto Barros como Cebreiros apuntaron que é necesario que as administracións impulsen a reindustrialización, promovendo as novas tecnoloxías para adaptar as empresas ás esixencias actuais do mercado, sen descoidar ás industrias de sectores emerxentes, iniciativa na que contarán coa cooperación dos axentes sociais. 

Neste sentido, o presidente da CEP quixo salientar a importancia de planificar a actividade económica a longo prazo, sen descoidar ás industrias estratéxicas por tradición, como a automoción, o naval, o granito, a pesca e os seus auxiliares. 

“Hai que tomar conciencia de que debemos gañar en competitividade e produtividade, algo que podemos conseguir coa aplicación das novas tecnoloxías nos procesos produtivos”, destacou Jorge Cebreiros. 

Pola súa banda, Domingo Barros mostrouse convencido de que un incremento da actividade permitirá que se recupere o mercado laboral na comarca, propiciando a contratación en condicións máis vantaxosas, con contratos máis estables que favorezan o emprego de calidade 

Ao fío disto último, comentaron que o Acordo de Negociación Colectiva (ACN) alcanzado en Madrid supón a posibilidade de que se impulse a recuperación económica a nivel nacional, cuns salarios que melloren o poder adquisitivo dos traballadores e que se traduza nun maior consumo interno, dando lugar a unha maior demanda.

1 de xullo de 2015 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.