publicidade hoxe

Centos de veciños gozaron da música na terceira edición do Festival Folclórico Parque do Carboeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Actuación "Sachadeiras"

Actuación “Sachadeiras”

Centos de veciños e veciñas disfrutaron dunha agradable tarde-noite de música na terceira edición do Festival Folclórico Paseo do Carboeiro, celebrada esta fin de semana no pulmón verde orosán. Por primeira vez, o tempo non foi o protagonista da xornada, pois unha vaga de calor atrasou a primeira edición e unha forte treboada suspendeu a segunda edición. Nesta ocasión, un ceo anubrado deixou paso a unha temperatura moi agradable para desfrutar ao máximo das actuacións.

A festa comezou puntual, a iso das 18:30 horas, e baixo a presidencia do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado por membros da corporación municipal orosá e tamén da Cámara Municipal de Góis, encabezada polo presidente da Asemblea, José Antonio Pereira de Carvalho. Os primeiros en pasar polo escenario do Carboeiro foron Buxos Verdes, ausentes na pasada edición por mor dunha actuación fóra de Galicia. A música e os bailes destes veciños e veciñas de Senra e Cardama acendeu os ánimos do presentes. Un ánimo que se encargaron de incrementar os compoñentes de “Néboas no Cumio” (Sigüeiro), cunha pequena selección de habaneras e muiñeiras.

Despois foi a quenda dos grupos convidados, comezando polos integrantes do Rancho Folclórico Sachadeiras da Várzea, do concello de Góis (Portugal). Se todos os grupos interpretaron unha media de catro cancións, os membros do concello irmán de Oroso ofreceron oito pezas, ao tempo que presentaban ao público presente os utensilios de labranza propios da súa terra, explicando o por que do “Sachadeiras” que levan no seu nome. Tras a actuación das “Pandereteiras de Marantes” chegou a quenda dos distintos grupos que compoñen “Lembranzas do Tambre” (pandereteiras, grupo de gaitas, grupo de baile, grupo de baile infantil…). A derradeira actuación da tarde-noite, antes da foliada e da churrascada final, correu a cargo dos Amigos do Acordeón (Sigüeiro-Oroso), quen debutaban nestes festival. A festa prolongouse ata ben entrada a noite.

6 de xullo de 2015 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.