Carballo abre o prazo de inscrición no Programa Concilia para o Curso 2015-2016
O Concello de Carballo informa de que abre o prazo para anotarse no Programa Concilia entre o luns 3 e o venres 21 de agosto. O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Desenvólvese durante o período escolar e consiste na recollida das nenas e os nenos, á primeira hora da mañá no seu centro escolar, antes do comezo do horario lectivo.
O obxectivo é responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e laborais, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoas debidamente cualificadas, así como ofrecer un almorzo equilibrado (servizo opcional para aqueles nenos/as que o soliciten).
As monitoras e monitores atenden ao alumnado, garantindo hábitos de hixiene, e ademais realizando actividades de lecer e tempo libre. O servizo préstase de luns a venres os días lectivos de 7.30 horas ata o momento de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece o servizo nos períodos vacacionais de Nadal, Entroido, e Semana Santa, nas pontes e nos meses de verán. Só terán dereito a estes servizos puntuais os/as usuarios fixos do programa, non os ocasionais. Nesas datas, o servizo ofrécese nos locais da empresa que ten a concesión.
O Concello tamén informa de que o xoves 27 de agosto de 2015, as 19.30 horas, terá lugar a xuntanza informativa cos pais e nais dos/as usuarios/as do Programa Concilia para informar acerca do curso 2015-2016. A cita será no segundo andar do Pazo da Cultura de Carballo. Prégase asistencia para poder respostar todas as dúbidas formuladas polas familias.
Así mesmo, hai que aclarar que a devolución da reserva de praza só se poderá solicitar no mes de outubro, despois desa data non se devolverán as reservas. Por último, hai que mencionar que o Concilia conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Respecto das anotacións, poden facerse no departamento de Servizos Sociais (edificio do Antigo Ambulatorio) e nos Rexistros do Concello en horario de oficina. Máis información no 981 700 688.











