Cangas intensifica as visitas guiadas durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

Esta mañá chegaba a Cangas un autobús con case 30 persoas procedentes de Pontevedra. Organizado pola Cruz Vermella, os visitantes chegaron á oficina de turismo situada na estación marítima para coñecer de primeira man a historia que esconde a vila canguesa.

A guía recolleu aos visitantes na estación de autobuses onde aproveitou para facer unha pequena introdución de Cangas e o seu nacemento. Unha vez feitas as presentacións pasearon ata a Capela do Hospital para coñecer a historia e os cambios que sufriu ata día de hoxe. Cruzaron a rúa e chegaron ao mercado de abastos, facendo unha parada tamén para coñecer a súa orixe.

A visita continuou pola rúa Real ata chegar a ex colexiata de Cangas. Alí o grupo puido contemplar o interior e exterior da igrexa e á saída, xusto cando comezaron a repicar as campás das 12:00 horas, coñeceron a casa típica de patín, na rúa Antonio Garelli. A visita remataba na Alameda Vella onde a guía contou a historia das esculturas e finalizou co reloxo.

Visitas guiadas

A visita de hoxe é o recorrido habitual que soe facer o persoal de turismo a visitantes e veciños. Estas visitas realízanse durante todo o ano, pero dende a oficina de turismo decidiron intensificar as visitas guiadas polo casco antigo durante os meses de xullo e agosto 

O horario é de luns a xoves ás 10:30 horas e non é necesario inscribirse de forma anticipada; os interesados deben estar na oficina de turismo da estación marítima á hora indicada. Son totalmente gratuítas e teñen unha duración de unha hora.

15 de xullo de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.