Cangas homenaxea aos seus deportistas

Homenaxe aos deportistas locais
Esta mañá, os deportistas cangueses que lograron importantes resultados deportivos ao longo deste ano 2015, foron recibidos no Concello de Cangas. Un total de 42 deportistas de modalidades diferentes, como o atletismo, remo, taekwondo, piragüismo ou vela.
Xoán Chillón foi o encargado de abrir o acto, agradecendo o traballo que fan durante todo o ano “levando o nome da comarca alá onde van”. Acto seguido, dende a Fundación Cangas Deporte aproveitaron para pedirlle aos clubs que se lles informe dos recoñecementos que obteñen, para darlles a importancia que merecen.
A cada deportista homenaxeado fíxoselle entrega dun diploma e un agasallo, un chuvasqueiro, de mans de parte da corporación: o alcalde, Xosé Manuel Pazos; o concelleiro de Deporte e Ensino, Xoán Chillón; a concelleira de Obras e Servizos, Mercedes Giráldez; o concelleiro do PP, Francisco Soliño; o concelleiro do PSOE, Alfredo Iglesias e o xerente de Frigoríficos do Morrazo, César Iglesias.
“Cangas está moi orgullosa de todos vós” afirmaba Pazos, encargado de pechar o acto, quen recoñeceu que bota de menos traballar con xente nova e con ilusión.











