Cada vez está máis preto o Festival Revenidas máis ambicioso
O 21, 22 e 23 de agosto a vila mariñeira de Vilaxóan en Vilagarcía de Arousa voltará acollerá a miles de persoas nesta Romaría Popular de música e sardiñas, consolidandose coma un dos principais festivais musicais do verán en Galicia.
O programa está pechado coas confirmacións nos últimos días de importantes grupos a nivel internacional. É o caso de SOJA, a banda norteamericana referente mundial de reggae que tan só actuará en dous concertos en España durante este verán. Moi agardados tamén son os canadenses con raíz irlandesa The Mahones, que tras 25 anos enriba dos escenarios forman parte das bandas do punk máis importantes da actualidade.
Máis de vinte concertos con bandas procedentes de Galicia, Madrid, Valencia, Euskadi, Estados Unidos, Canada ou Italia. Unha combinación de sotaques e estilos musicais como o reggae, ska, punk, rock, pop, balkan, garage, rap, hip hop, folque, swing ou electrónica.
Os tres días do Festival estarán cheos de actividades de balde para todos os públicos e concertos nun recinto pechado. A gran sardiñada popular Revenidas, unha gala solidaria e presentacións de libros e discos para os máis pequenos na Feira de artesanía e innovación que se situará no parque de Dona Concha no porto de Vilaxoán.
O venres 21 actuarán La Raíz, Banda Bassotti, Zoo, Nao, Dakidarría e Liska. O sábado 22 é a quenda de The Mahones, Familia Caamagno, Terbutalina, Spin Te Kú, Leo i Arremecaghona e Kasernarat. E o domingo haberá sesión vermout con Swindigentes e Blues do País, e xa á noite, os agardados SOJA e Los Chikos del Maíz.
Como todos os anos a Sardiñada Popular Revenidas, xérmolo do festival, consituirá un encontro familiar e interxeneracional o sábado 22, cos pasarrúas de Perqtores e Fanfarria Taquikardia. Ademais a organización achega dúas zonas para acampada libre para as pesoas que dispoñan de bono ou entradas.
O Festival vén de confirmar o apoio das institucións públicas como AGADIC da Xunta de Galicia, o concello de Vilagarcía ou a Deputación de Pontevedra.











