Bueu acolle esta fin de semana a gala de clausura do Corpus
Este sábado no Centro Social do Mar, a Asociación Cultural das Alfombras do Corpus de Bueu celebra unha gala de clausura do Corpus a partir das 21 horas. Nela farase entrega dos vídeos aos homenaxeados e das axudas aos colectivos participantes na confección de alfombras deste 2015. Ademais, tamén se proxectarán imaxes das alfombras e do proceso de confección desta edición, rematando cunha actuación musical.
Esta Asociación foi creada no presente ano cunha labor dinamizadora das Alfombras de Bueu e para que esta tradición se revitalice, tras a perda de auxe dos últimos anos. Por iso, a finais de abril celebraron unhas xornadas nas que se combinaron unha exposición de fotografías antigas sobre o Corpus, cunha gala de homenaxe aos alfombristas veteranos, un curso de confección de alfombras para os máis pequenos e pequenas, e un ciclo de exposicións de expertos nesta tradición. En maio, foron protagonistas dun Corpus exitoso, no que cambiaron o percorrido para facelo máis accesible.
Rematado o Corpus, a Asociación segue traballando. De feito, xa anunciou a confección dun tapiz floral para as Festas do Carme, cunha dimensión de 60 metros cadrados e coa imaxe da virxe da parroquia de Bueu, que se portará na procesión marítima do xoves 16 de xullo. Contarán coa colaboración da Comisión de Festas e da Confraría de Pescadores de Bueu.











