publicidade hoxe

Brión concede a licenza para as obras da cuberta do patio da escola dos Ánxeles

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Pleno en Brión

Pleno en Brión

A Xunta de Goberno Local de Brión reunida esta tarde acordou outorgar a licenza de obras para a instalación dunha cuberta no patio da escola de educación infantil dos Ánxeles cunha bonificación especial do 95% do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Unhas obras que previamente foron declaradas como de “especial interese e utilidade municipal” de forma unánime polo pleno municipal extraordinario celebrado esta tarde en Brión.

A obra está promovida pola ANPA da escola dos Ánxeles e financiada integramente pola Fundación Paideia, logo da retirada a última hora de Finsa, en base a un proxecto elaborado ao abeiro dun concurso convocado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. O alcalde de Brión, José Luís García, explicou que o Concello está a colaborar coa ANPA na realización desta obra e que se comprometera a reducir ao máximo as taxas correspondentes, para o cal era precisa a aprobación previa por parte do Pleno da declaración de especial interese e utilidade municipal das obras. Así mesmo, a ANPA adquire o compromiso de dedicar a cuberta a uso público durante un período mínimo de dez anos.

Aprobación por unanimidade 

A unanimidade caracterizou toda a sesión, na que tamén se acordou unha rebaixa do 0,58% da taxa de saneamento e depuración de augas residuais, correspondente á baixada do IPC. Así mesmo, aprobouse a creación nunha nova comisión informativa, neste caso sobre Benestar e Desenvolvemento Comunitario, que estará presidida polo alcalde José Luís García e integrada por tres concelleiros socialistas (Iolanda Bouzas, María del Carmen Rey e Rosa Romero), un representante do PP e outro do BNG, aínda por designar. 

Así mesmo, acordouse unha rectificación ao inventario de bens municipal, que en 2014 experimentou unhas altas por valor de 365.512 euros e unhas baixas de 10.050 euros. Deste xeito, o inventario municipal de bens do Concello de Brión a 31 de decembro de 2014 queda establecido en 35.122.832 euros, fronte aos 34.767.371 euros de 2013.

Finalmente, a Interventora municipal deu conta do informe trimestral de Morosidade, que establece que non existen facturas pendentes de tramitación, e informou de que o período medio de pago é de –2,43 días, é dicir, que o Concello de Brión paga nunha media de 27,57 días, antes do obxectivo de 30 días fixado pola lexislación actual.

 

31 de xullo de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.